mércores, 21 de abril de 2021

Pensións, Pobreza e Renda Básica.

 

1) O neoliberalismo crea Pobreza.

Nos anos 80 o trío Reagan, Thatcher e Juan Pablo II, ao carón de Pinochet, abandeiran unha mudanza de rumbo, pois o pacto social existente xa non lles vale. Comeza o neo-liberalismo (1) unha nova era na que se produciu (e se produce) un ataque sen precedentes a todo o que significou ben común nas décadas anteriores. Resumidamente, privatización de empresas públicas, ataques á sanidade e á educación para todas e todos, rebaixas de impostos para o capital e para as grandes fortunas, ataques ao traballo digno (salarios decentes, seguridade social pública, regulación laboral). Desmantelamento, en suma, do “estado de benestar”.

Neste artigo quero destacar unha das consecuencias desta fase do capitalismo: O insultante aumento do paro e a precariedade, coas súas secuelas de aumento das desigualdades. E con elas a reaparición de situacións de pobreza no noso medio occidental descoñecidas ou que parecían en vías de solución décadas atrás.

A situación tórnase cada vez máis insostíbel e as solucións que achega o neo-liberalismo van na liña da “salvación dos pobres”. A idea que está detrás de esta opción (nada nova por outro lado, lembremos as workhouse e as leis de pobres (2) tan importantes para o nacemento do capitalismo en Inglaterra) é conseguir que as persoas pobres se “integren na sociedade” mediante o acceso a un “posto de traballo” que as “dignifique(3). Por iso estas axudas están sempre “condicionadas” a conseguir un emprego. Un emprego que, na práctica, é cada vez máis difícil de conseguir sexa por mor do paro tecnolóxico, da globalización ou da diminución da demanda.

Por iso estas Rendas condicionadas están fallando (4), porque pretenden prepararnos para desempeñar, ou esíxennos que busquemos, uns empregos que xa desapareceron ou están a desaparecer (5). Na realidade caen de forma repetida e recalcitrante en varios fracasos (6) como a Trampa da pobreza, a Estigmatización dos beneficiarios”, o Aumento dos custes de xestión da pobreza ou a Dificultade para que os e as traballadores sociais podan centrarse no seu verdadeiro traballo en vez de exercer de inspectores.

O modelo das Rendas Condicionadas (como o IMV) para combater a pobreza, está esgotado e a Renda Básica Universal, Incondicional, Individual e Suficiente (RBUI) é unha alternativa necesaria.


2) RBUI, un cruce de camiños.

Aínda que me centre na desigualdade, onde a solución dunha RBUI financiada re-distributivamente parece obvia, os outros problemas xa apuntados tampouco non se poden deixar de lado. Os sociais (recortes ao estado do benestar, reformas laborais, privatización das pensións). Os ecolóxicos, ficando xa claro que os límites do crecemento estanse a manifestar de moitas formas (mudanza climática, contaminación, extincións, esgotamento de materias primas...) O feminismo, co esgotamento do patriarcado. O racismo, cada vez máis evidente ante o incremento da inmigración ilegalizada, O cambio tecnolóxico, liberalizador dos traballos máis penosos e, paradoxalmente, creador de paro e precariedade.

Uns problemas aos que o neoliberalismo xa demostrou que non é quen de atoparlle solucións.

O modelo neo-liberal tamén está esgotado e temos que mudar de rumbo.

E a RBUI aparece como un elemento central nesta necesaria mudanza de rumbo, porque, en breve, contra o cambio tecnolóxico e a precariedade permitiría unha maior e máis tranquila transición entre eses empregos que desaparecen e os novos que (en maior ou menor grao) aparecerán. Contra a transición ecolóxica evitaría a chantaxe dos empregos. Contra o racismo das “persoas ilegais” facilitaría enfrontar o problema demográfico regularizando unha necesaria inmigración. Contra a falsa e interesada ideoloxía do “trunfo dos máis capacitados” facilitaría a transición a unha economía dos coidados...

Dentro dos problemas detectados (ecoloxismo, desigualdade, pobreza, feminismo, tecnoloxía...) a RBUI amósase coma un elemento central na súa solución, un cruce de camiños no que converxen todos eles.

E, ao tempo, é un punto de encontro entre as diversas posición ideolóxicas alternativas ao neoliberalismo (Keinesianismo, Marxismo, Anarquismo, Comunitarismo...). Unha medida que pode ser defendida dende calquera desas ideoloxías, como sucedeu, e sucede, por outro lado, con todos os dereitos humanos (á vida, á liberdade, á saúde, á educación...). Ao fin e ao cabo, a Renda Básica xa foi definida no Congreso de Monterrey (art. 1.3) (7) como “o dereito a unha vida material digna”


3) A RBUI e as Pensións

A RBUI vai afectar a diversos sectores sociais e económicos. Por ese motivo ven sendo estudada, e gañando o apoio, de cada vez máis destes sectores (8) dende a súa perspectiva particular. Obviamente, a RBUI aféctanos a todas as persoas, incluídas as pensionistas, de forma semellante polo simple feito de sermos membros da sociedade. Menos desigualdade, fin da pobreza, o incremento da liberdade para elixir a nosa vida. Sociedades máis xustas e seguras con mellor saúde, especialmente saúde mental... Beneficios para toda a sociedade coma un todo. Tamén para nós. Tamén (e é importante) para os nosos.

Pero obviamente debemos considerar algunhas particularidades propias da nosa situación. No debate quero introducir as seguintes:

1.- Pensións non contributivas: Son axudas públicas que pretenden reducir a pobreza en casos de “invalidez” ou xubilación. A súa contía é sempre inferior á contía dunha RBUI, polo que serían substituídas por esta. Creo que non hai moito debate, a RBUI significaría unha mellora nestes beneficios ao acadar unha contía suficiente (actualmente non o é).

2.- Pensións contributivas: Baséanse no sistema de reparto pagándose fundamentalmente con cotizacións sociais deducidas cada mes nas nóminas das persoas traballadoras en activo (unha parte a conta do empresario e outra do traballador). Entendo (e hai controversia (9), con estudios relevantes que non o consideran a (10) ) que non poden ser consideradas “prestacións públicas” do mesmo tipo que os Subsidios, as Rendas Condicionadas, etc., asemellándose máis, ao meu ver, a un Seguro (de onde, por certo, o nome de Seguridade Social) ou, como as equipara Facenda, a un salario.

Defendo, por tanto, que as pensións contributivas deberían sumarse á RBUI. Todo isto, obviamente, a partir dunha consideración do financiamento da RBUI de carácter redistributivo, onde quen ten máis ten que achegar máis.

3.- Cómpre analizar tamén o polémico intento do neoliberalismo de cambiar o sistema de reparto polo de “capitalización” (11) convertendo ás pensións nun froito do “aforro” persoal de cada traballadora xestionado por “fondos de pensións” individuais ou (na teimuda pretensión do ministro Escrivá) de empresas. Non hai espazo para analizalas aquí, apenas para anotar que a pretensión real deste sistema é incrementar a “financiarización” da economía e que, a partir da experiencia acumulada, unicamente beneficia aos seus xestores que cobran altas comisións, nunca ás e aos futuros pensionistas. Neste artigo debemos apenas citar que a contía que reste ao final sumaríaselle a renda básica, do mesmo xeito que entendo que debe de acontecer coa pensión contributiva no sistema de reparto (senón queremos favorecer ao sistema de capitalización, claro).

Resumindo, creo que dende a perspectiva das e dos pensionistas, a RBUI tamén suporá unha mellora, achegando unha maior garantía ás pensións non contributivas que se incluirían na RBUI incrementando a súa contía, mellorará substancialmente as pensións contributivas de menor contía e menos, ou nada, as de maior contía dependendo do criterio final de financiamento e tamén clarificaría a Caixa da Seguridade Social, quitando algúns “gastos impropios”.

E viviríamos nunha sociedade máis xusta e segura.

Enlaces relacionados:

1) Juan Torres López sobre os ricos:

https://blogs.publico.es/juantorres/2020/12/18/el-problema-no-es-que-sean-ricos-sino-riquisimos-ineficientes-y-a-costa-de-los-demas/

2) As leis de pobres na Inglaterra precapitalista:

https://www.lamarea.com/2021/03/10/no-mas-leyes-de-pobres-por-favor/

3) Precariedade, tamén Ikea:

https://www.eldiario.es/economia/ikea-trae-espana-propio-glovo-peones-montan-quince-muebles-80-euros-cola-10_1_7234853.html

4) Artigo de Lluis Torrens:

https://catalunyaplural.cat/es/no-hay-pobres-el-reino-de-espana/

5) Stephen Hawking:

https://www.redrentabasica.org/rb/stephen-hawking-sobre-el-futuro-del-capitalismo-la-desigualdad-y-la-renta-basica-2/

6) Posicionamento Colegio Geenral Trabajo Social:

GARANTIA DE INGRESOS 20.04.2020.pdf (cgtrabajosocial.es)

7) Dereitos Humanos Emerxentes-Monterrey:

https://dhpedia.wikis.cc/wiki/Declaraci%C3%B3n_Universal_de_Derechos_Humanos_Emergentes

8) Relación de algúns sectores que apoiaron a RBUI entre finais de 2019 e principios de 2020:

https://blogabieitoauxiliar.blogspot.com/2021/04/manifestos-recentes-prol-da-rbui-finais.html

9) Enfoques programas contributivos (pensións, desemprego...) Nota de Karl Widerquist e Georg Arndt-2020.

https://blogabieitoauxiliar.blogspot.com/2021/04/enfoques-programas-contributivos-karl.html

10) Proposta de financiamento de ART

https://www.redrentabasica.org/rb/nuevos-modelos-para-financiar-una-renta-basica-incondicional-y-universal/

11) Informe Modepen

http://www.modepen.org/wp-content/uploads/2020/12/WEB_Plans_Pensions_Empresa_XPD.pdf


Por que me estou a passar a Mastodon.gal (Fediverso) abandonando Facebook, Twitter, Instagran e Youtube?

  Os que imos maiores ainda lembramos a enciclopédia Encarta, falecida definitivamente em 2009. (Ver na wikipedia em galego https://gl.wiki...