martes, 24 de novembro de 2020

A esquerda e o traballo remunerado.

              


Lemos sobre a defensa do traballo un artigo dun coñecido sindicalista galego: “Con esta posición (os partidarios da RBU) néganlle na práctica, á clase traballadora un dereito fundamental como é o dereito ao traballo e a poder vivir dignamente do mesmo, renunciando a unha verdadeira posición progresista e de esquerdas....” (Suso Seixo, ex-secretario xeral da CIG). (I)

 Descubrimos a “economía científica” cun dirixente da esquerda estatal (IU): “...todo economista sabe que donde hay necesidades hay economía, hay puestos de trabajo (sic) y generación de renta...” (Eduardo Garzón, en defensa do “Traballo Garantido”). (II)

 Lembramos voces da nosa infancia sobre a terríbel preguiza: “Na Terra do meu home, quen non traballa non come” (Carme Carbajales, miña avoa materna).

 E seguimos con verdades coma puños sobre o traballo. E sobre a preguiza resultaría absolutamente inxusto que... se dediquen recursos públicos a pagarlle unha renda (refírese a unha RBU) a persoas que non queiran traballar ou a todas aquelas que polos seus ingresos poden levar unha vida económica moi desafogada” (I) (é de supoñer que os segundos non necesitan exercer o seu dereito ao traballo nin necesitan vivir dignamente do seu traballo)

 E nós, dereitosos/as que seica non sabemos de economía nin de ética, nin de clases sociais, nin do dura que é a vida, lembramos que tanto as enquisas como os resultados dos proxectos piloto sobre RBU des-menten esta suposta preguiza. (III)

 Vaia por diante que as partidarias da RBU estamos, polo que eu sei, unanimemente de acordo co Dereito ao traballo. E coa Procura do pleno emprego. E coa Redución da xornada, etc. ¿quen non vai estalo nesta sociedade?

 Pero as propostas como o Traballo Garantido (IV), mecanismo proposto no programa estrela de Izquierda Unida, tampouco pretenden un pleno emprego inmediato nin de calidade. Porque non se pode, e moito menos neste Reino cheo de paro estrutural. Falan de 1 millón de postos de traballo nun ano, o que nos permite facernos unha idea de para cando chegaría (de cumprirse o programa) o pleno emprego.... De feito as propostas de traballo garantido deseñáronse para economías cunha porcentaxe relativamente pequena de desempregados. Por exemplo para EUA.

 Pero, realmente, quen somos de esquerdas ¿reivindicamos o dereito a vivir dun traballo remunerado (garantido ou non) ou asumimos que é unha mercancía de venta obrigada e non sempre conseguida? Só sentimos dignidade cando vendemos o noso traballo?  Unicamente o traballo remunerado é, persoal e socialmente, útil? Ímoslle quitar de comer a quen non queira traballar (e non teña cartos de seu, claro)?

 Creo que este é o gran debate sobre a RBU. Tanto as Rendas Condicionadas  como o Traballo Garantido parten da defensa de conceptos como o Dereito ao Traballo, a busca do Traballo Digno ou o Desprezo á Preguiza. “Quen non traballa non come”. Punto.

 Eu son dos que pensan que o traballo define á especie humana, que é o que nos diferencia do resto dos animais. Somos máis homo faber, “que fai” que homo sapiens “que pensa”. Poder modificar a natureza é o que nos fixo, e nos fai, diferentes. É o que nos trouxo a civilización E tamén os problemas ecolóxicos.

 Pero o concepto de traballo é moi amplo. Hai quen diferencia tres tipos, o traballo remunerado, o de coidados e o de voluntariado, pero os que dende certa esquerda reivindican que “o traballo dignifica” ou esixen o “dereito ao traballo” están a falar sempre, exclusivamente, do primeiro, o remunerado, o  “traballo que conta no PIB”. Desprezan, deste xeito, os traballos que melloran as vidas das persoas, sendo mesmamente imprescindíbeis para o funcionamento da sociedade, aínda que non contabilicen no PIB. “Se algunhas traballadoras non remuneradas pararan, pararíase o mundo”.

 Dende logo difiren de xente tan escasamente sospeitosa de ser de dereitas como Karl Marx que chegou a comparar o traballo remunerado co que fan as bestas, ou coa peste (tan pronto como non existe unha coacción física ou de calquera outro tipo fúxese do traballo como da peste) incluíndoo dentro do concepto de “traballo alienado” (V) comparándoo co dos escravos.

 Un traballo, o remunerado, en que se fai o que manda facer outra persoa e non o que queres ti (nin a sociedade, por certo) e en que a plusvalía do traballo realizado vai para outra persoa e non para ti (nin para a sociedade, por certo).

 Un traballo que nin dignifica nin deixa de dignificar porque non é esa a súa función. Un traballo que Marx (e non só Marx) define como unha mercancía: a dos que non teñen outra cousa que vender. Un traballo que nos quita tempo. Tempo no que,  moitas veces, fariamos outros traballos que, para nós e probablemente tamén para a sociedade, serían máis gratificantes, importantes, beneficiosos...

 A realidade, teimuda, amósanos como as condicións de venda da forza de traballo entre posuidores e compradores (capitalistas) neste sistema, que segue a ser basicamente o mesmo que estudou Marx nese artigo mencionado, son sempre favorábeis á clase dos capitalistas. Certamente houbo variacións tanto históricas como locais, e cómpre lembralo porque de feito en Europa e ata os anos 80 vivimos unha delas con cotas de dignidade do traballo e de pleno emprego probablemente nunca antes vistas (as razóns darían para outro artigo e para outro debate) e isto tamén creo que escurece algo a percepción actual do que é o “traballo remunerado” no capitalismo.

 Así se entende o papel fundamental dos sindicatos para conseguir mellores condicións de venta desa mercancía, na procura do que se dá en chamar “conseguir un traballo digno”. Ou na procura do “dereito ao traballo” (dito dende certa esquerda: o dereito a poder vender a forza de traballo para así ter dereito a unha vida, máis ou menos, digna)

 Por iso creo que os sindicatos deberían deixar de preguntarse se unha RBU vai crear un exército de vagos e cousas desas e preguntarse en serio se unha Renda Básica Universal melloraría ou  empeoraría as condicións de negociación da clase obreira, da actual, desta clase obreira chea de Precarios/as, Temporeiros/as, Tempo-parcialistas a xornada completa, etc.

 A min paréceme evidente que melloraría o  poder de negociación da clase traballadora, pois por unha banda debilitaría a principal ferramenta de que dispón o capital para disciplinala, o exercito de reserva, e por outra, a RBU podería reconverterse nunha Caixa de Resistencia.

 E tamén favorecería o camiño cara un cambio de sistema que supere o actual capitalismo neoliberal, como aspira Suso Seixo no artigo mencionado. Ou o capitalismo, sen adxectivos, como aspiraba o mencionado Marx, entre outros.

 Pero parece que os sindicatos, absortos na loita pola mellora das condicións de traballo, ou cando menos polo mantemento das de aqueles que aínda manteñen algunhas boas condicións, non o acaban de ver.

 Por riba, estamos nun momento que talmente parece sacado dunhas palabras de Karl Marx nos mesmos manuscritos de 1844, dos que forma parte “o traballo alienado”: “Os salarios e os beneficios do capital serán probablemente moi baixos nun país que alcance o último grao posíbel de riqueza”.

 Porque a automatización, a cuarta revolución industrial (VI) que vai vir cando aínda estamos “sufrindo” a terceira, parece que vai camiño de ser iso, o último grao posíbel de riqueza (por moi provisional que poida ser este “último grao posíbel”, ata o seguinte máximo)

 Ou como dixo máis cruamente Stephen Hawking (VII): "Se as máquinas producen todo o que necesitamos, o resultado dependerá de como se distribúan as cousas. Todo o mundo poderá gozar dunha vida de luxo ocioso se se comparte a riqueza producida polas máquinas, ou a maioría da xente pode acabar sendo miserablemente pobre se os propietarios das máquinas presionan con éxito contra  a redistribución da riqueza. Ata o momento, a tendencia parece ser cara á segunda opción, coa tecnoloxía causando unha desigualdade crecente".

 A RBU pode ser importante neste camiño pola súa función de loita contra a pobreza e o seu efecto re-distribuidor, pero ademais é unha proposta que pretende ser parte integrante dunha política económica diferente, cun concepto diferente do traballo, o remunerado e o non remunerado, que vai afectar a moitos aspectos da vida.

 De feito creo que non é casual que diversos movementos sociais estean a defendela dende posicionamentos propios. Destacar algúns recentes:  Profesionais da saúde mental (VIII), Colexio de Traballadores Sociais (IX), que se une ao Colexio de Educadores Sociais, o Mundo da cultura (X), as organizacións integrantes do Plan de Choque Social (XI), a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (XII)...

 

Notas:

I) Artigo Suso Seixo:

https://www.cig.gal/nova/a-renda-basica-universal-unha-alternativa-de-esquerdas.html 

 II) Artigo Eduardo Garzón:

http://eduardogarzon.net/criticas-a-la-renta-basica-universal-desde-la-izquierda/

 III) -Enquisas. Por exemplo unha do 2015 realizada en Catalunya (IX). Entre os cidadáns con emprego, un 86% seguirían traballando igual, un 8%  traballaría menos horas e un 2,9%  deixaría de traballar. Entre os desempregados, un 84,4% seguiría buscando emprego, un 11,4% buscaría un traballo de menos horas e un 2,2% deixaría de buscalo. As razóns para procurar traballar menos horas son, de maior a menor proporción,  dedicar máis tempo á familia, a actividades de ocio, a buscar un emprego mellor, a estudar, a montar un negocio propio e a facer tarefas altruístas de voluntario.

-Proxectos piloto. Tampouco neles se aprecia ese efecto vagancia. No caso da India a produtividade aumentou na comunidade con RBU máis que nas outras e máis que no pasado. O mesmo resultado observouse no proxecto veterano dos deste século, o de Otjivero, en Namibia, e no experimento, tan rapidamente dado por fracasado, de Finlandia, que levou a que agora xa non din que a RBU crea vagos senón que non incentiva significativamente a busca do emprego. 

https://www1.folha.uol.com.br/mercado/2019/02/dinheiro-de-graca-nao-incentiva-busca-de-emprego-na-finlandia-apontam-resultados-preliminares.shtml

 IV) Traballo Garantido:

http://www.redmmt.es/plan-trabajo-garantizado-izquierda-unida/

 V) Karl Marx: Manuscrito económico-filosóficos de 1844- Do Traballo Alienado:

https://www.marxists.org/espanol/m-e/1840s/manuscritos/man1.htm#1-4

 VI) Cuarta revolución industrial:

https://es.wikipedia.org/wiki/Revoluci%C3%B3n_industrial_etapa_cuatro

 VII) Stephen Hawking:

http://www.redrentabasica.org/rb/stephen-hawking-sobre-el-futuro-del-capitalismo-la-desigualdad-y-la-renta-basica-2/

 VIII) Saúde Mental e RBU:

https://www.elsaltodiario.com/renta-basica/colectivos-de-salud-mental-puestan-por-la-renta-basica-universal-herramienta-autonomia-contra-estigma

 IX) Colegio Trabajadores Sociales e RBU:

http://www.cgtrabajosocial.es/app/webroot/files/consejo/files/GARANTIA%20DE%20INGRESOS%2020.04.2020.pdf

 X) Cultura e RBU: 

https://nativa.cat/2020/04/gent-que-treballa-en-cultura-per-una-renda-basica-universal-i-incondicional/#galego

 XI) Plan de choque social e RBU:

http://www.plandechoquesocial.org/comunicados/plan-de-choque-por-la-emergencia-de-la-renta-basica/

 XII) Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e RBU:

https://twitter.com/LA_PAH/status/1325351799226839040

  


Por que me estou a passar a Mastodon.gal (Fediverso) abandonando Facebook, Twitter, Instagran e Youtube?

  Os que imos maiores ainda lembramos a enciclopédia Encarta, falecida definitivamente em 2009. (Ver na wikipedia em galego https://gl.wiki...