xoves, 15 de outubro de 2020

Dous Manifestos Pola Cultura

 

ver imaxe                   .pt-gal              .es                                          

Ver artigo publicado en praza.gal

Todos os sectores económicos están a sufrir graves dificultades por culpa desta pandemia, afondando unha crise que xa viña de atrás (Ben todos, todos, non. Hai excepcións, contadas dende logo, pero siginificativas, como o da especulación - Un botón- Elon Musk gañou 7.000 millóns de dólares nun día (1), amosando por certo, unha “produtividade” impresionante)

E o que resulta evidente é que as medidas adoptadas para acabar ou paliar os efectos devastadores sobre a economía non están a ser todo o eficaces que deberían.

Pero, cales deben ser as solucións aos problemas destes sectores? A resposta vai depender da perspectiva que usemos. Porque os problemas sociais e económicos pódense analizar usando diferentes focos que nos permiten describilos de forma diferentes. Non me refiro, neste caso, a perspectivas enfrontadas como as dos empresarios versus os traballadores ou o turismo versus a seguridade sanitaria, senón que falo das perspectivas que pode e debe usar un mesmo grupo de persoas, sexa un sector ou unha clase. Unhas visións que moitas veces vannos facer repensar reivindicacións que a primeira vista parecen evidentes. Como exemplo vou reflexionar sobre dous manifestos dun mesmo sector, o da cultura. Un sector moi importante e do que ademais persoalmente me sinto próximo.

 O primeiro manifesto (2) que vou mencionar materializouse ao redor da chamada “Alerta Vermella” que se concretaron en Galiza (ata agora) nas concentracións de Compostela e máis de Vigo do pasado 17 de setembro. A mobilización tivo un amplo eco como puidemos ver en  Praza (3) ou en Nós (4).

No acto de Compostela (como lemos no enlace mencionado de Praza) denunciábase que "Foi este sector un dos primeiros en suspender a súa actividade e seis meses despois a parálise segue a ser a nota predominante. De non paliarse esta situación límite, destruirase o emprego, milleiros de familias irán a ruína e provocarase a inviabilidade futura do sector".

Como vemos o foco ilumina a situación “realista” do sector. Parten de que é un sector produtivo “3,8% do PIB español e 700.000 empregos relacionados” e como tal analizano: “o sector vive unha situación extrema que, de non paliarse, suporá a ruína de miles de familias, a imposibilidade de manter o emprego e a inviabilidade futura das empresas e da actividade de moitos profesionais” ("Comunicado de mobilizacións 17S") e esixen claramente as súas reivindicacións tal e como faría calquera outro sector produtivo: “Instamos ao goberno de España e aos ministerios de Traballo, Facenda, Asuntos Económicos, Cultura e Deportes e Industria que tomen medidas urxentes nas próximas semanas para garantir a supervivencia do sector, ademais de crear de inmediato unha mesa sectorial que defina as necesidades do mesmo, afectado pola estacionalidade e intermitencia da actividade, dando prioridade á regulación mediante a negociación dun convenio colectivo sectorial a nivel nacional”.

En consecuencia propoñen medidas urxentes semellantes ás propostas por outros sectores produtivos: “reactivación inmediata das axendas culturais e de eventos das administracións públicas, en especial das entidades locais, baixo o estrito cumprimento dos protocolos de seguridade sanitaria, a prórroga da prestación especial por cese de actividade, a prórroga dos ERTE e recoñecemento da actividade como intermitente ou a aplicación do IVE reducido nos sectores vencellados á Industria Cultural, do Espectáculo e Turismo de Congresos, Reunións, Incentivos e Eventos (MICE), como medida dinamizadora da actividade.”

 Evidentemente son esixencias razonábeis de supervivencia para un sector moi tocado, que concretan en 14 medidas urxentes: para o sector, para os autónomos, para os traballadores por conta allea e para as empresas. O manifesto é un verdadeiro berro de socorro.

 Un berro necesario en defensa dun sector económico importante e tamén, indirectamente, das persoas que o compoñen, se ben, con estas medidas, adiantémolo, inevitabelmente seguirían a quedar persoas atrás.

 O segundo manifesto (5) coñeceuse hai uns meses (30/04/2020) xa en plena pandemia e téndoa moi presente, e titulouse “Xente que traballa na cultura, por unha renda básica universal e incondicional” que a día 17 de xuño xa tiña un número de adhesións de máis de 4.500 persoas.

 O manifesto comeza cunha declaración clara: “... unha renda básica universal e incondicional sería a mellor política cultural posíbel”.

 Xustifican esta declaración en que “A renda básica universal ... favorece directamente as persoas que o precisan e non se distrae nas estruturas, como fan tantos sistemas de financiamento públicos, que se perden nun fluxo de riqueza que supostamente vai de arriba a abaixo pero nunca chega a abaixo ... Se se precisan estruturas, xa as construiremos nós.

 Pero para chegar a esta conclusión parten dunha panorámica ampla analizando tanto a sociedade real na que se desenvolve a cultura como o propio lugar que ocupa “De que nos serviría un sistema cultural que só estivese ao servizo de aqueles que teñen o tempo, os recursos e a tranquilidade para “consumir cultura”?... Se a vida social non está garantida, a cultura non é viábel ou acaba sendo un recurso insolidario e elitista.

 E tamén a “produción” cultural: “non queremos soportar máis un sistema que só nos pide producir -infatigabelmente ... nunha dinámica na que nada se aproveita, nada é profundo, e na que a cultura está en perfecta sintonía con tantas outras dinámicas de sobreprodución do sistema capitalista”.

 Este manifesto analiza o sistema concreto do que forma parte a cultura e non lle gusta. E  reivindica unha medida non pensada especificamente para este “sector”. A Renda Básica tan só supón a garantía dunha renda suficiente para todas as persoas, pero non cabe dúbida de que a súa aplicación  complementaría as medidas propostas por “Alerta Vermella”, polo menos “... para os autónomos, para os traballadores por conta allea e para as empresas” dos que se fala nas súas 14 reivindicacións, e mesmo as modificaría fortemente, ou incluso as substituiría por ficar innecesarias moitas delas.

 Pero, ao tempo, propiciaría un cambio na forma de entender a cultura, tanto nos que a crean e transmiten como nos que a desfrutamos permitíndonos pór os alicerces para unha nova forma de entendela.

 E do mesmo xeito que na cultura poderíanse analizar os posíbeis efectos dunha Renda Básica na educación (imos manter un currículo para “producir” traballadores/as ou priorizaremos “formar” persoas?), a ciencia, o deporte... Ou o mesmo concepto de traballo, rompendo por fin co seu carácter de mercancía de venda obrigatoria para quen non temos outro medio de vida para convertelo nun auténtico dereito. A renda básica non fala destes problemas, pero o seu tratamento será distinto con ela.

 Ou a outro nivel: O socialismo, o ecoloxismo, o anarquismo, o feminismo... analizan o sistema actual globalmente, comproban que non lles gusta e imaxinan outros posíbeis sistemas. Propóñolles o reto de que  se prantexen como pode axudarlles a Renda Básica no seu camiño.

 Unha medida simple que pode ser un punto de encontro para todas as persoas que somos conscientes da necesidade dun cambio de rumbo nun sistema que se está a esgotar.

  

(1) “O día 17 de agosto de 2020 Elon Musk gañou 7.000 millóns de dólares”:

 (2)Manifesto Alerta Vermella:

 (3) Alerta Vermella en Praza.gal:

 (4) Alerta Vermella en Nós.gal:

 (5) Manifesto Cultura-Renda Básica:

 Outros enlaces de interese:

 (6) Vídeo Que é a RBU? (5’ 11”)

 (7) Iniciativa Cidadá Europea: Que é:

      Asina a Iniciativa Cidadá Europa:

 (8) ColectivosCidadáns a prol da Renda Básica Universal, blog:


 

 

 


Por que me estou a passar a Mastodon.gal (Fediverso) abandonando Facebook, Twitter, Instagran e Youtube?

  Os que imos maiores ainda lembramos a enciclopédia Encarta, falecida definitivamente em 2009. (Ver na wikipedia em galego https://gl.wiki...