sábado, 9 de abril de 2022

Non ao Proxecto de Lei para o impulso dos Plans de Pensións de Emprego

 

Artigo publicado en Praza.gal por Gonzalo Balo Mosquera Bieito Lorenzo Penela Francisco L. Vázquez Vizoso

O Proxecto de Lei para o impulso dos Plans de Pensións de Emprego aprobado no Consello de Ministros o pasado 22 de febreiro continúa a súa tramitación parlamentaria grazas o apoio do goberno e do PP, Ciudadanos e Vox, tras ser rexeitada a emenda á totalidade presentada polo BNG o 24 de marzo, malia obter os apoios de Esquerra Republicana, EH-Bildu, Más País-Equo, a CUP e Compromís.

Os Plans de Pensións de Emprego son un sistema privado individualista de capitalización cos que se pretende acadar unha maior extensión que a dos actuais plans privados complementarios de pensións. Os seus beneficiarios serán, por tanto, unicamente as persoas que poidan facer achegas durante a súa vida laboral, deixando deste xeito fóra a amplas capas de poboación máis desfavorecidas, con empregos en sectores máis precarizados ou empobrecidos, moi especialmente ás mulleres.

É dicir, van favorecer unicamente, por unha banda, ás persoas de altos ingresos e, pola outra, á oligarquía financeira que capitalizará e verá aumentar o seu negocio con miles de millóns de euros.

É tamén vai supoñer o primeiro paso para o progresivo debilitamento e desmantelamento do Sistema Público de Pensións. De feito a súa posta en marcha será financiada por toda a cidadanía mediante tres mecanismos:

-Achegas iniciais públicas (descoñécese a contía neste momento),

-Incremento das desgravacións fiscais para os que subscriban o plan (1.500 euros) e para as empresas (8.500 euros)

-E probabelmente o máis grave, descontos ás empresas nas cotizacións á Seguridade Social, excluíndo das bases de cotización ata 1.380 euros anuais o que, segundo os cálculos do ministerio, suporá un aforro de case 400 euros por traballador ao ano. Deste xeito por cada 2.500 traballadores/as que se acollan a ela, a Seguridade Social deixaría de ingresar 1.000.000 de euros ao ano.

Darase así un aforro das empresas a costa dos ingresos da Caixa da Seguridade Social, debilitando o noso Sistema Público de Pensións de repartición e de solidariedade interxeracional e interterritorial, e anunciando futuros recortes nas pensións públicas.

Cómpre lembrar que neste momento xa é evidente que o Sistema Público de Pensións (SPP) é sostible sempre que non se lle carguen os “gastos impropios” que non lle corresponde soportar. Precisamente o Tribunal de Contas cuantificou este martes 22 de marzo en máis de 103.690 millóns de euros estes gastos impropios asumidos entre 1989 e 2018 (Por certo que seguimos á espera da Auditoría das Contas da Seguridade Social). E precisamente este proxecto de lei vai por en risco a sustentabilidade do sistema público ao diminuír os seus ingresos, reducindo as cotizacións.

Se o que se pretende é que algúns/unhas traballadores/as poidan ter pensións complementarias cotizando máis, por que non se permite romper o teito de cotización, hoxe fixado en 4.140 euros mensuais? Abondaría cunha pequena modificación legal para que, quen quixese, cotizase máis a cambio de percibir unha pensión superior mantendo un criterio de solidariedade co resto dos/as traballadores/as. Pero parece que se dá prioridade ao fomento das pensións privadas que a aumentar os ingresos do sistema público de pensións pola vía do destope.

Temos que mencionar tamén o problema da gran incertidume e escasa rendibilidade dos plans privados de emprego ou empresa que levan anos funcionando sometidos aos antollos dos mercados financeiros, o que explica o estancamento de novas subscricións nos últimos anos. Podemos dicir que os seus grandes beneficiarios foron unicamente as entidades financeiras privadas, as mesmas que con estes plans verán aumentar o seu negocio en miles de millóns de euros.

Como membros de Modepen facemos un chamamento á cidadanía partidaria de manter e mellorar o sistema público de pensións e os dereitos acadados polos/as traballadores/as, para que non acepten a implantación do sistema de pensións da emprego. Pola contra debemos reforzar o sistema público de pensións, incrementando os seus ingresos e mellorando todas as pensións e, especialmente, as pensións mínimas, as non contributivas e as de viuvez.

Estamos en contra de calquera intento de favorecer as pensións privadas con cartos públicos que implican sempre un aumento da desigualdade e a transferencia de diñeiro das persoas con menos ingresos a aquelas con maiores ingresos.

Chamamos a todos/as os traballadores/as e afiliados/as sindicais a defender, tamén na rúa, xunto a Modepen e ás Plataformas e movementos de pensionistas dos diferentes pobos e comunidades do estado, o Sistema Público de Pensións como un dos piares máis básicos do Estado de Benestar.

Non á conversión do dereito ás pensións dignas (Art. 50 da Constitución Española) nun negocio privado e Si á potenciación e mellora do sistema público de pensións!

Retirada do Proxecto de Lei para o impulso dos Plans de Pensións de Emprego!

Goberne quen goberne as pensións públicas deféndense!

Bieito Lorenzo Penela, Francisco Váquez Vizoso e Gonzalo Balo Mosquera, membros de Modepen (Movemento pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos)


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por que me estou a passar a Mastodon.gal (Fediverso) abandonando Facebook, Twitter, Instagran e Youtube?

  Os que imos maiores ainda lembramos a enciclopédia Encarta, falecida definitivamente em 2009. (Ver na wikipedia em galego https://gl.wiki...