domingo, 14 de marzo de 2021

Dereitos universais e incondicionais para saírmos da crise

 

   Ver en Es       Ver en Pt-Gal

1.- Vacinas como dereito

Hai crises que nos urxen e que nos doen, a hostalaría, o turismo, a semana santa... Ou a peor e menos visíbel, o aumento da pobreza e da pobreza extrema. Hai que falar destas crises porque delas temos que saír todas as persoas. E as partidarias da Renda Básica Universal e Incondicional non somos alleos a ese problema, son claros os posicionamentos dos Colectivos Cidadáns pola RBUI como podemos ver no seu blog (1) ou no seu facebook: Cremos que a RBUI, precisamente por ser Universal e Incondicional, é un mecanismo especialmente acaido para cumprir o lema da ONU: “Non se pode deixar a ninguén atrás”.

Pero por moito que queiramos, a “economía” non se pode salvar completamente se previamente non salvamos a saúde. Entramentres é necesaria aplicar unha Renda Básica de Emerxencia acompañada de Axudas complementarias a sectores estratéxicos, necesarias pero que van ser iso, medidas de emerxencia, parches máis ou menos efectivos para persoas e sectores que van quedar máis ou menos tocados mentres se manteña a pandemia. E a epidemia, a causa común das dúas crises, a sanitaria e a económica,acabará con confinamento e sobre todo con vacinas ás que poidamos acceder todas as persoas. Vacinas que teñen que ser Universais e Incondicionais, como a Renda Básica. Para que tamén sanitariamente ninguén quede atrás

Pero se a Renda Básica se pode implantar, nunha primeira etapa, a nivel estatal, pois para a súa implantación apenas si se necesita (e non é pouco) potestade tributaria, as vacinas só poderán ser efectivas se dende o primeiro momento se aplican en todo o mundo. É dicir, a fin da pandemia de COVID-19 implica vacinas para todos os países, non só para os ricos. Por se fixese falta podemos velo neste enlace de “médicos sen fronteiras”, onde de paso podemos ver algo que a min me chama a atención, a relación de estados que se opoñen á supresión das licenzas (2)

Porque as vacinas para todos e todas como solución para rematar totalmente coa pandemia ten un inimigo moi importante. E non me refiro aos e ás negacionistas pois, malia ser un problema certo, eu confío que o sentidiño da maioría de nós fará innecesaria a declaración de obrigatoriedade da vacinación. O problema está nos que teñen poder sobre as vacinas, que eses si que dá a impresión de que carecen de “sentidiño” ou, cando menos, que non o teñen abondo para permitir que as vacinas sexan efectivas e rápidas para cumprir con aquilo para o que foron creadas, acabar coa pandemia. Será que o poder, especialmente o económico, non ten moito que ver co sentidiño? Vexamos.

2. - A protección das patentes e os ananos a ombros de xigantes

Dinnos que as patentes hai que respectalas, que son a remuneración daqueles que fixeron posíbeis as vacinas e que, senón son renumeradas adecuadamente simplemente deixarán de investir e investigar. As científicas xigantes que traballan para as multinacionais farmacéuticas, esas persoas que conseguiron a vacina en tan pouco tempo merecen todo o noso recoñecemento e todo o noso cariño e todos os nosos cartos se fixer falla. Abofé que si, sen retranca. O esforzo de conseguir a vacina foi impresionante e quen a fixeron posíbel merecen unha recompensa.

Xa, pero foron esas persoas, as científicas das empresas, quen máis méritos fixeron? Non é moita casualidade que sexan tantas as empresas que o conseguiron? E todas practicamente ao mesmo tempo? Grandes son, dende logo, pero, non cabalgan a ombros de xigantes? xigantes que moitos e moitas, cando non a maioría, mesmo son persoas precarizadas? Porque, por unha banda, a investigación básica sobre estas vacinas, incluíndo, por concretar máis, as primeiras baseadas no ARN mensaxeiro, parte de anos de “Investigación pública básica”. A técnica estaba xa preparada polo sector público (3). E, a maiores, non será queA batalla científica contra o coronavirus en España lévaa a cabo persoal investigador precario ou xubiladocomo nos explican neste artigo? (4)

E aínda que así fora, aínda que fora o persoal científico das empresas o que fixera a inmensa maioría dos méritos, vai ser ese persoal o remunerado? Non digo que os seus empresarios non lles paguen ben, seguramente mellor ca os/as precarios/as das universidades públicas, pero os que realmente van gañar moito, non serán os dirixentes das empresas (5a) e os accionistas? (5b). E, eses, que méritos fixeron? Sin demagoxias, realmente, cales son os seus méritos? Arriscar capital? Atrévese alguén a dicir que arriscaron algo?

Nin sequera se atreven a facer públicos os contratos feitos cos Estados e mesmo coa UE na súa totalidade, aínda que si podemos saber algo de cantidades, como as que indica nesta entrevista á Presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen (6a) (“Investimos neste processo 2,9 mil milhões de euros — para não falar dos milhares de milhões de euros que a Europa investe anualmente no apoio a um ecossistema de investigação que propicia esta capacidade...”). Como di nesta entrevista o europarlamentario Marc Botenga (primeiro eurodiputado en acceder á consulta “censurada” de un dos seis acordos de compra anticipada de vacinas anti-covid-19 por parte da Comisión Europea: Pagamos catro veces o valor da vacina”. (6b)

E xa non se trata só de se teñen máis ou menos dereito a manter a patente, senón que o mantemento desa patente está impedindo que se fabriquen vacinas á velocidade adecuada. É dicir, están provocando mortes (7) e póndonos en perigo a todos, mesmo aos xa vacinados, pois a probabilidade de mutacións máis virulentas persiste mentres se manteña a enfermidade no mundo. Pero iso non se fixo antes, cando se debateu por primeira vez a petición da India e Sudáfrica, apoiada pola maioría dos países de rendas medias e baixas e impedida polos países ricos. (8)

3.- O dereito humano á vida concretase hoxe no dereito universal e incondicional a vacina.

Estamos outra vez na necesidade de exixir o cumprimento dun dereito humano, o dereito á vida que, neste caso, se debe de concretar na exixencia de vacinas que nos permita derrotar a crise sanitaria de xeito semellante ao que a Renda Básica nos permitirá derrotar a crise económica. Universalidade e Incondicionalidade, as mesmas características que teñen, ou que deberían ter todos os dereitos, por exemplo, o dereito á Vivenda, aos Servizos sociais, ao Sufraxio ou á Saúde e á Educación. Porque a batalla non está perdida e vaise dar ata que se consiga a suspensión.

No momento de escribir estas notas a OMC acaba de rexeitar suspender as patentes na súa reunión do 10 de marzo, desoíndo a petición do 5 de marzo do Director da OMS Tedros Adhanom Ghebreyesus, que a apoiaba nun artigo en The Guardian (9) Neste momento a decisión da OMC está adiada ata o próximo debate sobre patentes que está previsto para xuño (10). Temos que movernos para conseguir incrementar a produción de vacinas. Non só polos “países pobres” senón tamén por nós, como queda dito

E, como medida de presión e pensando tamén no longo prazo, é importante premer a un dos bloques económicos máis opostos á suspensión, a UE. E neste caso, como no caso da Renda Básica, hai unha Iniciativa Cidadá Europea para exixir a Comisión Europea unha actuación a prol desta suspensión das patentes. Unha campaña oficial, das que valen porque a Comisión e o parlamento europeos lle teñen que facer caso de acadar o millón de apoios. Asinádea, é importante (11)

1) https://colectivoscidadansrbu.wordpress.com/

2) https://www.msf.es/actualidad/espana/fin-la-pandemia-covid-19-implica-vacunas-todos-los-paises-no-solo-los-ricos

3) Los pioneros del ARN ya investigan vacunas contra 30 infecciones diferentes | Ciencia | EL PAÍS (elpais.com)

4) https://www.eldiario.es/sociedad/futuro-pandemia-manos-precariedad_1_7184307.html?

5a) https://www.eleconomista.es/sanidad/noticias/10880790/11/20/El-CEO-de-Pfizer-vendio-mas-del-60-de-sus-acciones-el-mismo-dia-en-que-se-revelaron-los-resultados-de-la-vacuna-contra-el-Covid19.html

5b) Pfizer prevé ingresar 12.000 millones por su vacuna contra la COVID-19 en 2021 y que la demanda pueda durar años (eldiario.es)

6a) Juntos contra o vírus | Opinião | PÚBLICO (publico.pt)

6b) “Hemos pagado cuatro veces el valor de la vacuna. Las patentes deben retirarse, es una pandemia” | ctxt.es

7) Especular con la vacuna: un crimen contra la humanidad | ctxt.es

8) https://www.eldiarioar.com/sociedad/coronavirus/vacunatorio-vip-planeta-diez-paises-concentran-90-dosis-cambiarlo_1_7278834.html

9) https://www.publico.pt/2021/03/05/mundo/noticia/director-oms-apoia-suspensao-patentes-vacinas-mundo-precisa-estar-pe-guerra-1953280

10) https://www.eleco.com.ar/mundo/sin-acuerdo-por-la-exencion-de-las-patentes-para-las-vacunas/

11) https://eci.ec.europa.eu/015/public/#/screen/home/allcountries


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por que me estou a passar a Mastodon.gal (Fediverso) abandonando Facebook, Twitter, Instagran e Youtube?

  Os que imos maiores ainda lembramos a enciclopédia Encarta, falecida definitivamente em 2009. (Ver na wikipedia em galego https://gl.wiki...