venres, 14 de agosto de 2020

 Os Concellos prestan cartos ao Estado


Hai uns días acadouse un acordo entre a Femp (organización española de representación dos concellos, unha organización con moitas eivas, pero iso vai quedar para outro comentario) e o Goberno polo que estes (entre outros aspectos menores) préstanlle cartos ao estado. Realmente parece curioso, por varios motivos:

Primeiro, é curioso que os concellos teña tantos cartos sen usar como para poder prestarlle a todo un goberno dun estado tan importante coma o deste reino.

Segundo, é curioso que os concellos sexan tan xenerosos para prestar os cartos, máximo neste momento en que a administración local está tan necesitada de diñeiro para poder cubrir as graves emerxencias xeradas pola pandemia.

Terceiro porque polo que eu sei, é a primeira vez que un presidente da Femp ten que usar o seu voto de calidade para dirimir unha votación. Os únicos votos a favor foron os do PSOE, mentres que Podemos, o outro socio do goberno, limitouse á abstención. O resto dos partidos votaron en contra (De paso vemos que na FEMP vótase por partidos, o que non deixa de ser, tamén, curioso).

Cuarto porque, realmente, as condicións do préstamo tampouco parecen deslumbrantes. Un baixo interese, un período de devolución moi amplo (10 anos con 2 de carencia, o que dá 12 anos) e poder gastar libremente (case) unha pequena parte do total entre este ano e o que vén (Aquí está obviamente a nai do cordeiro, porque os concellos non podían gastar os seus cartos, tiñan que telos nos bancos, xerándolles liquidez (aos bancos) e pagando (tamén aos bancos) por telos alí. Cousas da lei Montoro e da xenerosidade dos bancos e que explica a curiosidade primeira e mesmo a segunda)

Pero claro, como di o artigo que comparto (Carlos Gribau, concelleiro de Ciempozuelos, en Sin Permiso) “Detrás do debate enrevesado sobre números, déficits, regras de gasto e préstamos, ocúltanse realmente problemas democráticos moi profundos, asociados ao papel dunha institución política clave para calquera democracia, como son os concellos”.

Como recoñecía mesmo unha personaxe tan pouco sospeitosa de demócrata convencido como Manuel Fraga, na súa proposta da Administración Única (1), o concello, como administración máis próxima aos cidadáns é a quen lle tocaría resolver todos e cada un dos problemas que puidese resolver. Pero este principio democrático básico debe parecerlle perigoso a alguén, talvez porque algúns concellos poden ser dirixidos por xente sospeitosa de non ser moi “racional” (lease neolliberal). Pensemos nun BNG de Pontevedra, nunhas Mareas de non hai moito de Coruña ou Compostela, nun Cádiz, nunha Barcelona... para que seguir.

Así que aproveitando que había unha crise optouse por reducir á mínima expresión a autonomía municipal, nun camiño que iniciou Zapatero (o chamando segundo Zapatero, o do nefasto artigo 135 da reformada constitución, esa tan irreformábel ata xusto antes, e tamén desde xusto despois, dese momento extraordinario) e seguida por diversas leis do tándem Rajoy Montoro e culminada na lei Orgánica 2 /2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira e a súa regra de gasto e a degradación dos “habilitados nacionais” (secretarios, interventores e tesoureiros) de máximos funcionarios dos concellos en vulgares “paracaidistas” do ministerio, especialistas pouco máis que en facer “reparos de legalidade”.

Un camiño que levaría á administración máis próxima aos cidadáns, á que lle correspondería resolver cantos problemas puidese, a Simples Unidades Administrativas.

Este Decreto Lei de Préstamo non vai no camiño de conseguir unha administración municipal democrática e eficiente, eficaz e efectiva, senón de mantela coma un paripé pseudodemocrático.

E xa de traca, o cinismo do PP e a dereita pretendendo dirixir a oposición ao “préstamo”.

https://www.sinpermiso.info/textos/municipios-y-hacienda-la-caja-de-los-truenos


(1) Ver, por exemplo, este artigo de 1992 de Manuel Fraga. No mesmo dise: “O proceso de racionalización tamén debería abrir un proceso de transferencia cara a administración local, de competencias de titularidade autonómica, cando a súa prestación por parte destes entes dea lugar a un servizo público máis eficaz pola súa proximidade ao cidadán".

Por certo que o artigo se fose publicado por alguén hoxe atreveríame a dicir que sería revisado moi polo miúdo por algún, ou por máis de un, xuíz da Audiencia Nacional ou do Tribunal Supremo. (Podedes lelo enteiro para confirmar a miña sospeita)

https://elpais.com/diario/1992/04/13/espana/703116014_850215.html


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por que me estou a passar a Mastodon.gal (Fediverso) abandonando Facebook, Twitter, Instagran e Youtube?

  Os que imos maiores ainda lembramos a enciclopédia Encarta, falecida definitivamente em 2009. (Ver na wikipedia em galego https://gl.wiki...