Todos
os sectores económicos están a sufrir graves dificultades por culpa desta
pandemia, afondando unha crise que xa viña de atrás (Ben todos, todos, non. Hai
excepcións, contadas dende logo, pero siginificativas, como o da especulación -
Un botón- Elon Musk gañou 7.000 millóns de dólares nun día (1), amosando
por certo, unha “produtividade” impresionante)
E o
que resulta evidente é que as medidas adoptadas para acabar ou paliar os
efectos devastadores sobre a economía non están a ser todo o eficaces que
deberían.
Pero,
cales deben ser as solucións aos problemas destes sectores? A resposta vai
depender da perspectiva que usemos. Porque os problemas sociais e económicos
pódense analizar usando diferentes focos que nos permiten describilos de forma
diferentes. Non me refiro, neste caso, a perspectivas enfrontadas como as dos
empresarios versus os traballadores ou o turismo versus a seguridade sanitaria,
senón que falo das perspectivas que pode e debe usar un mesmo grupo de persoas,
sexa un sector ou unha clase. Unhas visións que moitas veces vannos facer
repensar reivindicacións que a primeira vista parecen evidentes. Como exemplo
vou reflexionar sobre dous manifestos dun mesmo sector, o da cultura. Un sector
moi importante e do que ademais persoalmente me sinto próximo.
O
primeiro manifesto (2) que vou mencionar materializouse ao redor da
chamada “Alerta Vermella” que se concretaron en Galiza (ata agora) nas
concentracións de Compostela e máis de Vigo do pasado 17 de setembro. A
mobilización tivo un amplo eco como puidemos ver en Praza (3) ou en Nós (4).
No
acto de Compostela (como lemos no enlace mencionado de Praza) denunciábase que
"Foi este sector un dos primeiros en suspender a súa actividade e seis
meses despois a parálise segue a ser a nota predominante. De non paliarse esta
situación límite, destruirase o emprego, milleiros de familias irán a ruína e
provocarase a inviabilidade futura do sector".
Como
vemos o foco ilumina a situación “realista” do sector. Parten de que é un
sector produtivo “3,8% do PIB español e 700.000 empregos relacionados” e
como tal analizano: “o sector vive unha situación extrema que, de non
paliarse, suporá a ruína de miles de familias, a imposibilidade de manter o
emprego e a inviabilidade futura das empresas e da actividade de moitos
profesionais” ("Comunicado de mobilizacións 17S") e esixen
claramente as súas reivindicacións tal e como faría calquera outro sector
produtivo: “Instamos ao goberno de España e aos ministerios de Traballo,
Facenda, Asuntos Económicos, Cultura e Deportes e Industria que tomen medidas
urxentes nas próximas semanas para garantir a supervivencia do sector, ademais
de crear de inmediato unha mesa sectorial que defina as necesidades do mesmo, afectado
pola estacionalidade e intermitencia da actividade, dando prioridade á
regulación mediante a negociación dun convenio colectivo sectorial a nivel
nacional”.
En
consecuencia propoñen medidas urxentes semellantes ás propostas por outros
sectores produtivos: “reactivación inmediata das axendas culturais e de
eventos das administracións públicas, en especial das entidades locais, baixo o
estrito cumprimento dos protocolos de seguridade sanitaria, a prórroga da
prestación especial por cese de actividade, a prórroga dos ERTE e recoñecemento
da actividade como intermitente ou a aplicación do IVE reducido nos sectores
vencellados á Industria Cultural, do Espectáculo e Turismo de Congresos,
Reunións, Incentivos e Eventos (MICE), como medida dinamizadora da actividade.”
Evidentemente
son esixencias razonábeis de supervivencia para un sector moi tocado, que
concretan en 14 medidas urxentes: para o sector, para os autónomos, para os
traballadores por conta allea e para as empresas. O manifesto é un verdadeiro
berro de socorro.
Un
berro necesario en defensa dun sector económico importante e tamén,
indirectamente, das persoas que o compoñen, se ben, con estas medidas,
adiantémolo, inevitabelmente seguirían a quedar persoas atrás.
O segundo
manifesto (5) coñeceuse hai uns meses (30/04/2020) xa en plena pandemia
e téndoa moi presente, e titulouse “Xente que traballa na cultura, por unha
renda básica universal e incondicional” que a día 17 de xuño xa tiña un número
de adhesións de máis de 4.500 persoas.
O
manifesto comeza cunha declaración clara: “... unha renda básica universal e
incondicional sería a mellor política cultural posíbel”.
Xustifican
esta declaración en que “A renda básica universal ... favorece directamente
as persoas que o precisan e non se distrae nas estruturas, como fan tantos
sistemas de financiamento públicos, que se perden nun fluxo de riqueza que
supostamente vai de arriba a abaixo pero nunca chega a abaixo ... Se se
precisan estruturas, xa as construiremos nós.
Pero
para chegar a esta conclusión parten dunha panorámica ampla analizando tanto a
sociedade real na que se desenvolve a cultura como o propio lugar que ocupa “De
que nos serviría un sistema cultural que só estivese ao servizo de aqueles que
teñen o tempo, os recursos e a tranquilidade para “consumir cultura”?... Se a
vida social non está garantida, a cultura non é viábel ou acaba sendo un
recurso insolidario e elitista.”
E
tamén a “produción” cultural: “non queremos soportar máis un sistema que só
nos pide producir -infatigabelmente ... nunha dinámica na que nada se
aproveita, nada é profundo, e na que a cultura está en perfecta sintonía con
tantas outras dinámicas de sobreprodución do sistema capitalista”.
Este
manifesto analiza o sistema concreto do que forma parte a cultura e non lle
gusta. E reivindica unha medida non
pensada especificamente para este “sector”. A Renda Básica tan só supón a
garantía dunha renda suficiente para todas as persoas, pero non cabe dúbida de
que a súa aplicación complementaría as
medidas propostas por “Alerta Vermella”, polo menos “... para os
autónomos, para os traballadores por conta allea e para as empresas” dos
que se fala nas súas 14 reivindicacións, e mesmo as modificaría fortemente, ou
incluso as substituiría por ficar innecesarias moitas delas.
Pero,
ao tempo, propiciaría un cambio na forma de entender a cultura, tanto nos que a
crean e transmiten como nos que a desfrutamos permitíndonos pór os alicerces
para unha nova forma de entendela.
E do
mesmo xeito que na cultura poderíanse analizar os posíbeis efectos dunha Renda
Básica na educación (imos manter un currículo para “producir” traballadores/as
ou priorizaremos “formar” persoas?), a ciencia, o deporte... Ou o mesmo
concepto de traballo, rompendo por fin co seu carácter de mercancía de venda
obrigatoria para quen non temos outro medio de vida para convertelo nun
auténtico dereito. A renda básica non fala destes problemas, pero o seu
tratamento será distinto con ela.
Ou a
outro nivel: O socialismo, o ecoloxismo, o anarquismo, o feminismo... analizan
o sistema actual globalmente, comproban que non lles gusta e imaxinan outros
posíbeis sistemas. Propóñolles o reto de que
se prantexen como pode axudarlles a Renda Básica no seu camiño.
Unha
medida simple que pode ser un punto de encontro para todas as persoas que somos
conscientes da necesidade dun cambio de rumbo nun sistema que se está a
esgotar.
(1)
“O día 17 de agosto de 2020 Elon Musk gañou 7.000 millóns de dólares”:
(2)Manifesto Alerta Vermella:
(3)
Alerta Vermella en Praza.gal:
(4)
Alerta Vermella en Nós.gal:
(5)
Manifesto Cultura-Renda Básica:
Outros
enlaces de interese:
(6)
Vídeo Que é a RBU? (5’ 11”)
(7)
Iniciativa Cidadá Europea: Que é:
Asina a Iniciativa Cidadá Europa:
(8) ColectivosCidadáns a prol da Renda Básica Universal, blog:
Ningún comentario:
Publicar un comentario