domingo, 14 de febreiro de 2021

Apuntes sobre os pensionistas de Modepen e chamamento para o 1º de marzo.

 

(Ver en galego norma agal. Ver en castellano)


Julia Castillo membro do colectivo “Comando polo Público”, protagoniza un vídeo chamando ás xeracións máis novas a que collan o relevo e defendan o Estado de Benestar, un estado que estea baseado nas pensións e nos servizos públicos. (1)

Mais non é que os pensionistas pensemos irnos, de feito Julia Castillo segue na brecha, pelexando en mil batallas, entre elas as de Modepen e RBUI, onde coincidimos. Non, os mozos e as mozas teñen que ir collendo o relevo, mais as persoas maiores non nos imos ir sen pelexar. Xa quixeran algúns...

En Galiza estamos agrupadas no Movemento Galego pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos (Modepen) (2) e coordinados coa Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones (Coespe). E non temos unha táboa reivindicativa pequena. Normal logo de tantos anos de recortes e ataques ao que é de todas. Na táboa esiximos cousas de sentido común como a derrogación do artigo 135 da constitución, ou da lei mordaza ou a creación dunha banca pública galega. Como se ve, cousas obvias. Pero pola importancia para o noso movemento vou mencionar as que creo que constitúen os tres piares básicos:

-A defensa das persoas hoxe xubiladas: pensións dignas para todos e todas (mínima de 1.084 €) revalorización segundo o IPC real, acabar coa fenda de xénero...

-A denuncia dos plans privados de pensións, sexan individuais ou de empresa (recomendación 16 do Pacto de Toledo, da que haberá que falar máis)

-A defensa e afianzamento do estado do benestar, nomeadamente a sanidade e a educación públicas e o chamado cuarto sector (uns fortes Servizos Sociais Públicos dirixidos ás persoas maiores e dependentes, 100% Públicos, Universais e de Calidade: Servizos de Atención no Fogar, Centros de Día, Residencias, ... (3) ou este artigo en Praza.gal (4)

Este 25 de xaneiro tiñamos previsto iniciar grandes mobilizacións en defensa destas reivindicacións, que quedaron limitadas por mor da pandemia. De todos xeitos o día foi celebrado de diferentes formas e obtivo unha forte repercusión, provocando a resposta do ministro Escrivá intentando desviar a polémica para que, sobre todo, non se falase da “recomendación 16” a principal liña estratéxica do Pacto de Toledo.

Esta estratexia foi contestada nun texto conxunto apoiado pola grande maioría das organizacións de pensionistas do estado: MODEPEN, MADPP, COESPE-Oficial, Unidade-COESPE, as Coordinadoras de Pensionistas Euskal Herria, de Cantabria, e moitas outras plataformas locais de pensionistas (5), facendo fincapé na esixencia de retirada da mencionada “recomendación 16” por que vai na liña do “desdobramento das pensións nun sistema mixto público-privado, desviando as cotizacións da Seguridade Social, co conseguinte empobrecemento das pensións públicas e a destrución da solidariedade do actual sistema de pensións entre territorios, sectores económicos, tamaño das empresas, xénero e xeracións”. O texto acaba convocando unha nova mobilización conxunta para o 1 de marzo na que, unha semana antes do 8 de marzo, farase un especial fincapé na pouca dilixencia coa que se está a tratar a grave fenda de xénero.

Non se nos escapa en Modepen a importancia da “recomendación 16”. Para saber un pouco de que vai, recomendo este pequeno artigo de Xabier Pérez Davila en Infolibre (6) onde, entre outros aspectos, explícanse brevemente as súas características, e o que pasou en Chile como exemplo de por onde veñen os tiros, e avísasenos de que “O ministro declarou que "vai lexislar moi rápido" para conseguir de 1,6 a 9,5 millóns de traballadores asociados, promovendo dende o Estado un macrofondo "de pensións de promoción pública e xestión privada".

Neste sentido Modepen remitiu un comunicado aos sindicatos con presencia en Galiza (CIG, CCOO, UGT, CUT, CGT, CNT, CESM, OMEGA, SATSE, PROSAGAP, …) (7) “para construír un forte movemento social a prol da suba das misérrimas pensións mínimas actuais, pola aplicación de medidas concretas para reducir a fenda de xénero, e para opoñerse ao recorte e privatización das pensións públicas que se pretende facer a través dos chamados Plans de Pensións Privadas de Empresa”.

No documento pídenlles explicitamente que “no caso de que o seu sindicato obteña beneficios económicos pola xestión de plans de pensións privados de empresa que existen na actualidade, queremos trasladarlles a nosa opinión de que estaría ben que renunciaran a eles, e que facelo axudaría moito a conseguir a necesaria unidade contra a privatización dos servizos públicos, dos que as pensións públicas son un piar fundamental.”

En Modepen non esquecemos que as nosas reivindicacións forman parte do gran programa de defensa do público e de que realmente “ninguén quede atrás”, que cada vez vai sendo máis necesario e urxente. Porque estamos diante dunha gran ofensiva da dereita e do capital, unha ofensiva que vai afianzarse, estase afianzando xa, e da que vai formar parte importante a Reconstrución post-Covid” que nos vén enriba, podemos ver unha análise en ElDiario.es aquí (8) e a miña opinión de por onde van os tiros en Galiza no enlace (9).

Como din os compañeiros de “Coespe Internacional” no artigo “COESPE: Impulsar a resistencia en toda Europa frente aos plans da Comisión Europea e do BCE” (10). “En Europa hai aberta unha guerra asimétrica contra os pensionistas, mais tamén contra a clase traballadora, a mocidade, os pobos...”

Porque a función do Plan de Recuperación Europeo que se está deseñando non é mellorar os servizos públicos de saúde e aqueloutros que preservan e sosteñen á poboación, senón “modernizar e financiar grandes empresas privadas; (e) queren que a clase traballadora e o público en xeral o paguen durante vinte anos. O diñeiro acabará en mans de empresas como Volkswagen, para fabricar coches eléctricos ou Telefónica, para instalar 5G.”

Por riba, non vai ser diñeiro gratis e dun ou doutro xeito “vannos” esixir contrapartidas. Contrapartidas que xa se están ofrecendo, como denuncia “Coespe internacional”: O Goberno de España, a través de Nadia Calviño ofreceu o sistema de pensións como garantía do préstamo. Para iso precisa privatizalo e o ministro Escrivá contribúe a iso, apoiándose no Pacto de Toledo para desviar parte das cotas á Seguridade Social aos bancos privados”. A vía será a “recomendación 16”. Podemos ver o que ofrece o goberno á Comisión Europea neste enlace de ElDiario.es, en especial a 8ª reforma (11)

Como se di no artigo referenciado: “Fronte á Europa das elites e da bolsa, é necesario coordinar a escala continental a resistencia, os movementos e as organizacións sociais.”

É por iso que chamo a mobilización  conxunta para o dia 1º de marzo.

Enlaces:

(1) Vídeo de Comando Público: Mensaxe á mocidade:

https://www.youtube.com/watch?v=nORlVLXvrWg

(2) Páxina oficial de Modepen:

http://www.modepen.org/

(3) Táboa reivindicativa de Modepen:

http://www.modepen.org/wp-content/uploads/2020/08/AS-IDEAS-QUE-NOS-UNEN-Documento-Marco-aprobado-na-III-Asembrea.pdf

(4) Artigo Praza Os Servizos Sociais dirixidos aos maiores e dependentes: a posición do MODEPEN

https://praza.gal/opinion/os-servizos-sociais-dirixidos-aos-maiores-e-dependentes-a-posicion-do-modepen 

(5) Texto conxunto (MODEPEN, MADPP, COESPE-Oficial, Unidade-COESPE...) sobre as declaracións do ministro.

http://www.modepen.org/index.php/2021/02/09/resposta-do-movemento-estatal-de-pensionistas-ante-as-declaracions-do-ministro-de-seguridade-social-sr-escriva/

(6) Artigo de Xabier Pérez Davila (membro de Modepen)

https://www.infolibre.es/noticias/opinion/plaza_publica/2021/01/17/el_pacto_toledo_inicia_privatizacion_del_sistema_pensiones_115409_2003.html

(7) Modepen aos sindicatos galegos (30-01-2021)

Chamamento do MODEPEN aos Sindicatos en defensa das Pensións Públicas. – MODEPEN

(8) ElDiario.es: Los 140.000 millones de los fondos europeos, pendientes de la negociación...

https://www.eldiario.es/economia/140-000-millones-fondos-pendientes-negociacion-bruselas-reforma-laboral-pensiones_1_7213773.html

(9) Aviso a navegantes no blog de Abieito

https://abieito-blog-pt-agal.blogspot.com/2021/02/aviso-navegantes-vem-uma-nova-vaga-de.html

(10) Artigo de Coespe Internacional:

https://kaosenlared.net/coespe-impulsar-la-resistencia-en-toda-europa-frente-a-los-planes-de-la-comision-europea-y-del-bce/

(11) Proposta do geberno á Comisión Europea sobre pensións:

https://www.eldiario.es/economia/son-nueve-reformas-sistema-pensiones-gobierno-mandado-bruselas_1_6957522.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por que me estou a passar a Mastodon.gal (Fediverso) abandonando Facebook, Twitter, Instagran e Youtube?

  Os que imos maiores ainda lembramos a enciclopédia Encarta, falecida definitivamente em 2009. (Ver na wikipedia em galego https://gl.wiki...