E nós, dereitosos/as que seica non sabemos de economía nin de ética, nin de clases sociais, nin do dura que é a vida, lembramos que tanto as enquisas como os resultados dos proxectos piloto sobre RBU des-menten esta suposta preguiza. (III)
Vaia por diante que as partidarias da RBU estamos, polo que eu sei, unanimemente de acordo co Dereito ao traballo. E coa Procura do pleno emprego. E coa Redución da xornada, etc. ¿quen non vai estalo nesta sociedade?
Pero as propostas como o Traballo Garantido (IV), mecanismo proposto no programa estrela de Izquierda Unida, tampouco pretenden un pleno emprego inmediato nin de calidade. Porque non se pode, e moito menos neste Reino cheo de paro estrutural. Falan de 1 millón de postos de traballo nun ano, o que nos permite facernos unha idea de para cando chegaría (de cumprirse o programa) o pleno emprego.... De feito as propostas de traballo garantido deseñáronse para economías cunha porcentaxe relativamente pequena de desempregados. Por exemplo para EUA.
Pero, realmente, quen somos de esquerdas ¿reivindicamos o dereito a vivir dun traballo remunerado (garantido ou non) ou asumimos que é unha mercancía de venta obrigada e non sempre conseguida? Só sentimos dignidade cando vendemos o noso traballo? Unicamente o traballo remunerado é, persoal e socialmente, útil? Ímoslle quitar de comer a quen non queira traballar (e non teña cartos de seu, claro)?
Creo que este é o gran debate sobre a RBU. Tanto as Rendas Condicionadas como o Traballo Garantido parten da defensa de conceptos como o Dereito ao Traballo, a busca do Traballo Digno ou o Desprezo á Preguiza. “Quen non traballa non come”. Punto.
Eu son dos que pensan que o traballo define á especie humana, que é o que nos diferencia do resto dos animais. Somos máis homo faber, “que fai” que homo sapiens “que pensa”. Poder modificar a natureza é o que nos fixo, e nos fai, diferentes. É o que nos trouxo a civilización E tamén os problemas ecolóxicos.
Pero o concepto de traballo é moi amplo. Hai quen diferencia tres tipos, o traballo remunerado, o de coidados e o de voluntariado, pero os que dende certa esquerda reivindican que “o traballo dignifica” ou esixen o “dereito ao traballo” están a falar sempre, exclusivamente, do primeiro, o remunerado, o “traballo que conta no PIB”. Desprezan, deste xeito, os traballos que melloran as vidas das persoas, sendo mesmamente imprescindíbeis para o funcionamento da sociedade, aínda que non contabilicen no PIB. “Se algunhas traballadoras non remuneradas pararan, pararíase o mundo”.
Así se entende o papel fundamental dos sindicatos para conseguir mellores condicións de venta desa mercancía, na procura do que se dá en chamar “conseguir un traballo digno”. Ou na procura do “dereito ao traballo” (dito dende certa esquerda: o dereito a poder vender a forza de traballo para así ter dereito a unha vida, máis ou menos, digna)
Por iso creo que os sindicatos deberían deixar de preguntarse se unha RBU vai crear un exército de vagos e cousas desas e preguntarse en serio se unha Renda Básica Universal melloraría ou empeoraría as condicións de negociación da clase obreira, da actual, desta clase obreira chea de Precarios/as, Temporeiros/as, Tempo-parcialistas a xornada completa, etc.
A min paréceme evidente que melloraría o poder de negociación da clase traballadora, pois por unha banda debilitaría a principal ferramenta de que dispón o capital para disciplinala, o exercito de reserva, e por outra, a RBU podería reconverterse nunha Caixa de Resistencia.
E tamén favorecería o camiño cara un cambio de sistema que supere o actual capitalismo neoliberal, como aspira Suso Seixo no artigo mencionado. Ou o capitalismo, sen adxectivos, como aspiraba o mencionado Marx, entre outros.
Pero parece que os sindicatos, absortos na loita pola mellora das condicións de traballo, ou cando menos polo mantemento das de aqueles que aínda manteñen algunhas boas condicións, non o acaban de ver.
Porque a automatización, a cuarta revolución industrial (VI) que vai vir cando aínda estamos “sufrindo” a terceira, parece que vai camiño de ser iso, o último grao posíbel de riqueza (por moi provisional que poida ser este “último grao posíbel”, ata o seguinte máximo)
De feito creo que non é casual que diversos movementos sociais estean a defendela dende posicionamentos propios. Destacar algúns recentes: Profesionais da saúde mental (VIII), Colexio de Traballadores Sociais (IX), que se une ao Colexio de Educadores Sociais, o Mundo da cultura (X), as organizacións integrantes do Plan de Choque Social (XI), a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (XII)...
Notas:
I) Artigo Suso Seixo:
https://www.cig.gal/nova/a-renda-basica-universal-unha-alternativa-de-esquerdas.html
II) Artigo Eduardo Garzón:
http://eduardogarzon.net/criticas-a-la-renta-basica-universal-desde-la-izquierda/
III) -Enquisas. Por exemplo unha do 2015 realizada en Catalunya (IX). Entre os cidadáns con emprego, un 86% seguirían traballando igual, un 8% traballaría menos horas e un 2,9% deixaría de traballar. Entre os desempregados, un 84,4% seguiría buscando emprego, un 11,4% buscaría un traballo de menos horas e un 2,2% deixaría de buscalo. As razóns para procurar traballar menos horas son, de maior a menor proporción, dedicar máis tempo á familia, a actividades de ocio, a buscar un emprego mellor, a estudar, a montar un negocio propio e a facer tarefas altruístas de voluntario.
-Proxectos piloto. Tampouco neles se aprecia ese efecto vagancia. No caso da India a produtividade aumentou na comunidade con RBU máis que nas outras e máis que no pasado. O mesmo resultado observouse no proxecto veterano dos deste século, o de Otjivero, en Namibia, e no experimento, tan rapidamente dado por fracasado, de Finlandia, que levou a que agora xa non din que a RBU crea vagos senón que non incentiva significativamente a busca do emprego.
IV) Traballo Garantido:
http://www.redmmt.es/plan-trabajo-garantizado-izquierda-unida/
V) Karl Marx: Manuscrito económico-filosóficos de 1844- Do Traballo Alienado:
https://www.marxists.org/espanol/m-e/1840s/manuscritos/man1.htm#1-4
VI) Cuarta revolución industrial:
https://es.wikipedia.org/wiki/Revoluci%C3%B3n_industrial_etapa_cuatro
VII) Stephen Hawking:
http://www.redrentabasica.org/rb/stephen-hawking-sobre-el-futuro-del-capitalismo-la-desigualdad-y-la-renta-basica-2/
VIII) Saúde Mental e RBU:
IX) Colegio Trabajadores Sociales e RBU:
X) Cultura e RBU:
XI) Plan de choque social e RBU:
http://www.plandechoquesocial.org/comunicados/plan-de-choque-por-la-emergencia-de-la-renta-basica/
XII) Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e RBU:
https://twitter.com/LA_PAH/status/1325351799226839040
Ningún comentario:
Publicar un comentario