©Helena Robledo Muíña/2021
Parto da existencia de catro formas clásicas de afrontar as “Necesidades” nas sociedades humanas.
-Os Mercados, a través da "libre competencia",
-Os Estados (ou administracións), a través do poder,
- As familias, a través do coidado e a reprodución
-A xestión dos bens comúns, a través a organización e a regulación.
Neste momento hai unha "Necesidade", a loita contra a pandemia de Covid-19. Nesta loita maniféstanse tres destes enfoques. Mercados (como Pfeizer e Moderna), Estados (como a Imposición de medidas sanitarias) e Xestión do común (como organizacións científicas organizadas para compartir o seu coñecemento).
No artigo que reproduzo, non se fala exactamente disto, mais si se fala de que "a pandemia destacou que somos unha única comunidade mundial e que a nosa resposta política debe reflectir esta realidade". Este é o ben común que hai que defender, a saúde, a través da loita contra a pandemia dende unha única comunidade mundial.
No artigo si se fala da forma en que os científicos se están organizando para defender ese Ben Común, a “vixilancia xenómica” mediante “un alto nivel de cooperación entre científicos, seguindo protocolos estandarizados de laboratorio e empregando software e bases de datos compatibles” coa maior celeridade posible, o que se ten que facer moitas veces fóra do horario laboral.
E como se di no artigo: "Sería un desastre se a resposta global a esta ciencia heroicamente aberta recompensase a valentía co illamento". Se o Estado só pensase no seu propio beneficio (máis ben o das persoas que o representan) e non no mellor para todos.
E cos mercados, engado eu, pensando tamén só nos seus beneficios, beneficios que se aproveitan descaradamente das nosas necesidades de vacinas, acaparando o traballo extra destes científicos e o de todos os científicos dos centros públicos, quedándose con todo o mérito (e sobre todo, coas patentes) tras facer apenas un último esforzo, emulando a uns "altísimos ananos en ombros de xigantes".
O seu “mercado libre” é impoñer restricións á libre circulación de vacinas, creando así unha “escaseza artificial”, unha actuación que, a maiores, está no cerne da aparición destas variedades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario